TESOUROS, PROFANACIÓN DE TUMBAS E COSTUMES FUNERARIOS
Na parroquia de O Val, como sucede en todo o Concello de Narón e practicamente en toda Galicia, hoxe encontramos tódalas mámoas violadas. A destrución dos túmulos, como tódalas violacións de tumbas, é algo que debeu comezar ao día seguinte do enterro (Pena 1991).

Este ouro, como o procedente do tesouro de Caldas, é seguramente producto do saqueo sistemático dos túmulos
Crenzas que fixeron que a xente poderosa levara consigo o mellor que tiña, o ouro, para gozalo na outra vida, ou no interior da resistente cámara, espertan a cobiza dos que apenas ten medios para subsistir.
As reiteradas violacións de túmulos -onde un mesmo túmulo pode ter sido espoliado centenares de veces- nunha práctica extendida ao longo dos milenios, son obra de todo tempo. Estes espolios podían producirse dende o día seguinte do enterro.
Un mesmo túmulo foi seguramente excavado, non centos, senón milleiros de veces, ata que a él -caso de sobrevivir á demoledora piqueta- chega a paleta do arqueólogo, non pocas veces ignorante destas circunstancias.
Os espoliadores levan primeiro o famoso “ouro dos mouros”.

Pente votivo – un presente para a (A)Moura que recolle a alma do heroe defunto- e cinceiro do Tesouso de Caldas. Calcolírico.
Logo empregan o túmulo como canteira e extraen as chantas como material de construcción.
O resultado final é un crater que lembra aos producidos nunha guerra polo estourido dunha bomba.
Cando estas reiteradas accións non acaban coas mámoas, a pegada da actividade vese na parte superior dos túmulos en forma de profundos e grandes furados ou lacos.
A apertura de túmulos en busca de tesouros non só se traduce neses enormes buracos que hoxe amosan as mámoas, senón que tamén ten implicacións etnográficas e sociolóxicas derivadas do vello cultural acervo celtoatlántico galego. O seu exame pode resultar útil para a comprensión dun importante folclore de O Val expresado na literatura de tradición oral.
As mámoas son lugares moi temidos, respectados e perigosos, portas abertas ao mundo sobrenatural. Unha mámoa, unha fonte coma a dos tres Alcaldes (onde na noite de San Xoán se escoitaba a música do Outro Lado interpretada por un mouro gaiteiro), un lago, un río, un penedo figurativo, un castro, son habitualmente lugares de acceso directo ao Alén. Relacionado con este contexto cóntase en Vilasuso que “a pena Molexa tiña un encanto: gardaba tres mulas de ouro. Un día chegou un home cun libro, era o libro de San Cibrán. O home leuno dende a primeira páxina ata a última de arriba abaixo, logo desléuno dende o final ata o principio e desencantou as mulas e levounas” (A . Pena)
Ser élfico de sobrenatural fermosura, poderosa dama, a Moura, trasunto da Deusa Nai Celta, habitante dun subterráneo Paraíso, adoita en Galicia saír a este mundo, ao amencer de San Xoán, dun outeiro, dunha fonte, ou da súa mámoa, como esta de Santa Margarida, a procura dun esposo. Mentres agarda por un mozo merecente de compartir con ela o seu soterrado reino e as súas riquezas. asolla seu ouro, e peitea os seus louros cabelos co seu peite de ouro.
No mundo celta a Soberanía escolle.
A Moura amosa ao pretendente o fabuloso tesouro, pedíndolle que colla o de máis valía. O mozo pasará a proba e quedará con todo si a elixe a Ela, pero si elixe o ouro, a Moura desaparecerá, converténdose o obxecto escollido nun ruín carbón, ou nun anaco de ola.
(A)MOURA CASAMENTEIRA
Como o amosa a ilustración de Carlos Afonzo, os garimpeiros, furtivos violadores profesionais de mámoas ou túmulos dende a Protohistoria, coñecían trucos para apañar o ouro dos Mouros. Furando pola noite, asistidos por un crego “lendo e deslendo sen parar nos Evanxeos”, ou por un meigo, lendo e deslendo no Libro de San Cibrán, ‘O Ciprianillo’, mentres cavaban, evitaban que enrabechara a Moura ante o espolio do seu tesouro. Cando fallaba o procedemento e se aparecía A Moura axiña os ladróns lle porfiaban que casara con eles. (A. Pena)
Así o testemuñaban (segundo Martínez Salazar, 1909) ante o xuíz :
Hilario Alonso había hallado allí una mujer descabellada [ – o cabelo sin recoller era entón símbolo de luxuria-] y bestida de rraxa parda [tecidos luxosos] y los cabellos sueltos, y esto a bocanoche […], y que traía en la mano unos pocos de pelos [de ouro], y que le dixera que qual le parescía mejor, aquello que ella traía en la mano o ella; e que él le respondiera que ella […]: y entonces que ella le mandara que fuese a cabar al dicho otero de la mámoa de Segade y que hallaría un tesoro […]”.
IN PROGRESS…